Nada de opinión

Nada de opinión


Episodio 6: Aumentan día a día os metais pesados na praia do lago/balsa mineira das Pontes (que ten Bandeira Azul)

August 08, 2022

Chega o décimo aniversario desde que ficou aberta ao público a praia no oco da antiga mina de carbón das Pontes, que desde antes do seu nacemento recibiu fortes críticas por riscos como a acumulación de metais pesados na auga.


Este proxecto, que permitiu a Endesa aforrar millóns de euros ao evitar aplicar unha restauración ambiental moi custosa, permítelle agora lanzar distintos proxectos industriais para aproveitar a reserva de auga.


Da outra beira queda unha poboación que xa padece os estragos da actividade desta compañía, que amais entregou á Xunta o lago artificial/balsa mineira en canto se encheu, evitando toda responsabilidade.


Unha década despois, Nada de opinión demostra como medrou a cantidade de aluminio, ferro, manganeso, estaño, zinc, arsénico, cromo, níquel, vanadio ou uranio, nunha praia con Bandeira Azul, mentres a Administración e Endesa néganse a ofrecer unha explicación perante un grave problema de saúde pública.


Falamos con Miguel Anjo González, secretario comarcal de Adega, que debulla os porqués sobre como se puido chegar a esta situación, que, adianta, acabará por ser pagada pola cidadanía, e non por unha empresa cunha importante débeda social coas Pontes e co país, que amais continúa a sacar réditos desta desfeita.